Non é doado introducir un novo produto no mercado


«Non é doado introducir un novo produto no mercado»

A empresa Galuriña conta coa axuda do GAC-4 para abrirse camiño na venta de innovadoras receitas de empanadas


A esteirana Carmen Sánchez veu como o Grupo de Acción Costeira (GAC-4) seleccionaba o seu proxecto empresarial e ofrecíalle o asesoramento legal e financeiro necesario para que a súa iniciativa saíra adiante e se fixese un oco no mercado. A empresaria muradana pretende introducir no mercado empanadas elaboradas con algas, que denomina marucas, e para iso xa ten en marcha a firma Galuriña. A nova emprendedora aspira a comercializar a través de Internet os produtos que elabora en Esteiro.

-¿Que buscou vostede na iniciativa promovida polo GAC-4 para novos emprendedores?
-A miña principal aspiración era dispor de asesoramento loxístico, legal e comercial para que os produtos que podo elaborar en Galuriña, primeiro, sexan coñecidos dentro do mundo da hostalería e a nivel privado, e logo, conseguir canles de comercialización que fagan viable a nosa empresa.
-¿É difícil introducirse no mundo da industria, sobre todo cando o que se vende son produtos ata o de agora descoñecidos?
-Eu atopo unha serie de atrancos burocráticos que me fan difícil poñer no mercado o que elaboro, a pesar da boa aceptación popular das miñas empanadas. Non é doado introducir un novo produto, pero tamén descoñezo o mundo da comercialización, por iso acudín á iniciativa do GAC-4.
-¿Que espera conseguir?
-A primeira aspiración xa se veu cumprida, ao valorarse positivamente a miña proposta. Agora pretendo que me axuden a promocionar os meus produtos, e especialmente que me indiquen os camiños máis axeitados para poñer no mercado as miñas empanadas. Tamén quero resolver definitivamente algúns obstáculos legais que dificultan a miña iniciativa.
-¿Que teñen de especial as empanadas da empresa Galuriña?
-As innovacións son varias. Por unha banda, está a elaboración da masa, seguindo unha receita do século XIX que atopei e que consiste en evitar que a masa se humedeza, e dese xeito favorecer a conservación do produto, empregando tamén fermentos propios. E por outra parte, está o uso de algas, ben combinándoas con peixes e mariscos ou ben facendo empanadas só cos vexetais mariños
-¿En que situación se atopa agora a súa empresa?
-Estou esforzándome na promoción dos produtos que ofrezo, especialmente catro tipos de empanadas nas que, ademais da diferente base de pan e do emprego das algas, tamén dedicamos un esforzo especial na presentación. Para darnos a coñecer utilizamos as redes sociais, e tamén participamos en acontecementos culinarios. A aceptación do produto está a ser moi boa, e xa temos contactos con empresas do sector de varios puntos do Estado. Tamén dispomos de algúns contactos de distribución e comercialización, e esperamos que de cara ao outono comece a demanda de empanadas a un nivel comercial aceptable, aínda que nós quixéramos rentabilizar plenamente unha empresa que xa leva dous anos loitando por introducirse no mercado.
-¿Que tipo de algas utiliza nas súas empanadas e onde as merca?
-Traballamos especialmente coa variedade coñecida popularmente coma espaguete de mar. Na actualidade merco as algas ao grupo de mariscadoras de Corcubión, aínda que xa contactei coa asociación muradana para que se encarguen de recollelas. Veño empregando uns mil quilos de algas ao ano, pero aspiro a incrementar moito esa cantidade.
Carmen Sánchez Emprendedora de Muros